O Concello de Sober procede á adxudicación mediante concurso da instalación dun quiosco de prensa que se ubicará na Praza do Concello, xunto á parada de autobuses. O contrato de concesión adxudicarase por procedemento aberto e concurso público. A concesión outorgarase por un prazo de catro anos, con posibilidade doutro de prórroga de mutuo acordo entre as partes.
Entre os dereitos e deberes do concesionario estará o de sufragar os gastos necesarios para o desenvolvemento da actividade, incluído o quiosco en si, que deberá de reunir unha serie de condicións, entre as que se atopa respectar a superficie máxima establecida polo informe do técnico municipal de 10 metros cadrados. Tamén terá que manter a actividade aberta ao público os días e horas laborais e os festivos que fixe a Corporación e non poderá producir ningún cambio de ubicación.
Establécese como tipo de licitación á alza o canon mínimo de 120 euros ao ano, IVE incluído. As proposicións poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, das 9 ás 14 horas, durante os 15 días naturais seguintes á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP). Tamén poden presentarse proposicións por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, de 26 de novembro.
As proposicións presentaranse nun sobre pechado coa documentación requirida e da que se dará conta no BOP. Os criterios que servirán para a adxudicación do concurso serán o mellor prezo (6 puntos) e as condicións arquitectónicas do quiosco a instalar, (4 puntos), para o cal os
interesados deben presentar un anteproxecto da instalación, e no caso de resultar adxudicatarios da concesión, achegar un proxecto definitivo. No caso de empate valorarase a dedicación anterior a actividades similares.

Leave a Reply