O Concello de Sober aprobou onte en sesión plenaria os Orzamentos para 2013 nos que, segundo destacou o alcalde, Luis Fernández Guitián, “se fai un esforzo moi significativo” no gasto social e para as persoas. Na súa intervención ante a Corporación o rexedor expuxo a dificultade de elevar os presupostos tan a principios de ano, “ao non saber con exactitude as axudas e as subvencións coas que se pode contar”.
Fernández Guitián destacou que se trata dun presuposto “absolutamente realista” no que non se consignan axudas ou subvención supramunicipais que non estean absolutamente seguras, nin tampouco ingresos-gastos de posible persoal que poida ser subvencionado ao 100%, como os Plans de Cooperación, por exemplo. En calquera caso, o alcalde precisou que “de haber unha axuda para obras, servizos ou persoal, habilitarase o crédito correspondente no presuposto e o debido gasto”.
Gastos
No capítulo de gastos, e en comparación cos Presupostos de 2012, prodúcese unha baixa moi relevante na partida destinada ao persoal, de preto de 200.000 euros. O gasto pasa de representar o 56,46% do Orzamento ao 47,52%, preto de 681.000 euros. No caso dos gastos correntes, pásase de 458.000 euros a 488.000, “co fin de axustarse máis á realidade” tendo en conta, entre outras, a suba do IVE.
O gasto en persoal inclúe a axuda a domicilio (10 auxiliares, a traballadora social, a educadora de familia e a técnica sociocultural) e supón 171.000 euros. O punto de atención á infancia, integrado por dúas profesoras e unha educadora, recibe 42.700 euros e a Escola Municipal de Música, con sete profesores, 32.500 euros, o que fai un total de 246.00 euros.
A partida destinada ás persoas incorpora ademais as axudas ao transporte universitario, que a maioría dos concellos suprimiu, ou á achega para teleasistencia, cuxos totais suman preto de 10.000 euros. O alcalde tamén se referiu neste apartado aos gastos de mantemento e limpeza de edificios, como o Colexio, o Centro Médico, o Centro Sociocultural ou o Ximnasio Municipal, entre outros.
Investimentos reais
O capítulo de investimentos reais experimenta un incremento con respecto ao 2012, de xeito que sobe dos 132.000 euros aos 179.000 euros. Fernández Guitián explica que esta cantidade se destinará ás achegas municipais ás obras previstas a executar con cargo ao AGADER, que aporta o 85% das mesmas. Estas actuacións, nas que o Concello achega o 15% máis o IVE son as seguintes:
– Instalación de placas solares nos Chancís
– Praza de esparexemento en Arxemil
– Praza de esparexemento en Sixtín do Mato
– Praza de esparexemento en Cima de Vila-Brosmos
– E campo da festa e xardín en Viloudriz
Tamén figura como investimento a achega municipal ao POS, así como o mantemento de estradas locais. Nese sentido, o alcalde de Sober anunciou para este ano a posta en marcha dun plan xeral de rexeneración daqueles camiños que se atopan en peor estado. Fernández Guitián tamén precisou que os investimentos “se poden ver lixeiramente incrementados” dacordo con posibles axudas supramunicipais.
Ingresos
Un dos capítulos máis salientables é o de transferencias correntes, que son as asignacións do Estado e da Comunidade Autónoma para o municipio. Inicialmente fixouse a mesma cantidade que en 2012, cuxo importe ascende a 812.000 euros, o que representa o 56,66% do orzamento. Ademais consígnanse 366.000 euros en impostos directos como o IBI ou o IAE, entre outros, o que supón un 25,51%. En taxas e prezos prevese un incremento con respecto a 2012, pasando de 156.000 euros a 203.000, como consecuencia das novas taxas de recollida de lixo, auga e alcantarillado.
O Pleno da Corporación de Sober aprobou onte os Orzamentos para 2013 cos votos a favor dos sete concelleiros do PP e a abstención dos dous do PSOE, do edil do BNG e da edil non adscrita.
