O Concello de Sober e 15 adegueiros da localidade, amparados polo Consello Regulador da Ribeira Sacra, mantiveron na tarde de onte a primeira reunión preparatoria da XXXIII edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 23 e 24 de marzo. Os participantes na xuntanza acordaron que o convidado de honra este ano sexa o Concello de Pantón. Invitarase a toda a Corporación municipal e o alcalde recibirá un obsequio especial.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, o técnico local de emprego, Carlos Losada, e os adegueiros participantes acordaron que a Feira desde ano “teña un formato similar á do ano anterior”. Entre o 23 de febreiro e o 23 de marzo levarase a cabo o ‘Mes do Amandi’ coa celebración de actividades de carácter semanal. O día 23 de febreiro foi o elixido para a presentación oficial da feira, nun acto que terá lugar no novo Miradoiro da Cividade.
Ese día darase a coñecer por parte dos colleiteiros e da organización a programación definitiva do ‘Mes do Amandi’ que, entre outras accións, recolle a presenza do Concello de Sober na mostra Xantar de Ourense cun stand promocional con degustación de viño, entre o 6 e o 10 de marzo. Tamén se van organizar catas comentadas, así como unha xornada de maridaxe entre os viños de Amandi e outros produtos galegos. O Concello de Sober ten previsto ademais promocionar a feira a nivel comunitario coa instalación de carteis en lugares emblemáticos de Galicia.
Homenaxe a Pedro Pérez
O encargado de inaugurar a Feira do Viño de Amandi será un colleiteiro da Viña Ferreiro, como un modo de homenaxear ao seu promotor, Pedro Pérez, falecido recentemente.
Este ano estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
