O MIRADOIRO DA CIVIDADE DE SOBER ACOLLE ESTE SÁBADO A PRESENTACIÓN OFICIAL DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

  • Home
  • Novas
  • O MIRADOIRO DA CIVIDADE DE SOBER ACOLLE ESTE SÁBADO A PRESENTACIÓN OFICIAL DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

O Concello de Sober dará a coñecer este sábado 23 de febreiro a programación prevista para o ‘Mes do Amandi’, unha serie de actividades semanais previas á celebración da Feira do Viño, que este ano terá lugar os días 23 e 24 de marzo. O acto, no que participarán os 23 colleiteiros inscritos, desenvolverase no renovado Miradoiro da Cividade a partir das 12:30 horas.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, participará xunto con outros membros da Corporación na presentación oficial da XXXIII Feira do Viño, na que ademais de dar a coñecer o programa e as actividades do ‘Mes de Amandi’, será presentado o cartel anunciador, elaborado pola recoñecida pintora, natural de Neiras, Emilia Salgueiro.
 
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
Inauguración e convidado de honra
O encargado de inaugurar a Feira do Viño de Amandi será un colleiteiro da Viña Ferreiro, como un modo de homenaxear ao seu promotor, Pedro Pérez, falecido recentemente. O convidado de honra na celebración é o Concello de Pantón.
 
Este ano estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober