O equipo de Goberno presentou unha moción que foi aprobada no Pleno Extraordinario celebrado este mediodía na que insta á Xunta de Galicia a seguir creando proxectos que afecten a todas as consellerías de cara a “seguir mellorando o Concello de Sober e lograr unha dinamización económica que favoreza a creación de emprego e a mellora da calidade de vida de todos os veciños”.
Así mesmo, a moción insta á Xunta de Galicia a reforzar o programa de promoción turística da Ribeira Sacra, así como a aumentar o seu posicionamento turístico nos mercados internacionais.
Na súa exposición ante os membros da Corporación soberina, o alcalde do municipio, Luis Fernández Guitián, explicou que a Ribeira Sacra constitúe un dos destinos con maior potencial de atraer turistas “de todo Galicia”, xa que a súa elevada concentración de cultura, tradición e historia se mistura cunha gastronomía, unha paisaxe e un produto, o viño, arredor do cal o turista constrúe a súa viaxe.
O rexedor valorou o papel do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que, co apoio do Goberno local e dos que conforman a Ribeira e das demais administracións, leva facendo un traballo que “permitiu posicionar o noso destino a nivel galego e nacional”. Guitián recordou ademais o carácter pioneiro do Concello de Sober ao aproveitar o enoturismo para atraer visitantes e mellorar así a economía das bodegas, aproveitando as sinerxías que se producen entre a elaboración e venta do viño e o turismo.
“Foi o apoio das institucións, nomeadamente da Xunta de Galicia, o que fixo que Sober mellorara a súa capacidade de atender a un turismo de elevada calidade”, destacou. Así, explicou que a Ribeira Sacra é un Xeodestino único e diferenciado dentro da oferta de Turgalicia e está situada en oito paquetes temáticos distintos. “Oito experiencias turísticas únicas e que teñen como centro á nosa Ribeira”, subliñou.
Entre a colaboración establecida pola Xunta de Galicia e o Concello de Sober o rexedor local referiuse á achega dos mellores docentes de prestixio internacional para ofrecer aos profesionais formación relacionada coa enogastronomía, á presenza do municipio da próxima edición de La Vuelta, -como unha plataforma de promoción da vila-, á instalación dun miradoiro vangardista, á mellora dos camiños da Ribeira e dos accesos aos viñedos ou ao feito de que sexa un dos poucos concellos de Galicia nos que se pode acceder ás axudas para a rehabilitación de vivendas por ter un ARI para todo o territorio do Concello.
Fernández Guitián destacou que o apoio da Xunta ás empresas dedicadas ao turismo “é innegable, non só ao Palacio de Sober, senón á maior parte das bodegas e dos establecementos turísticos da Ribeira Sacra que en maior ou menor medida, contaron coa axuda dalgún dos organismos do Goberno galego”. “Unha colaboración institucional coa que logramos ter as mellores infraestructuras turísticas para achegar a Sober, á Ribeira Sacra, a visitantes de todo o mundo”, concluíu.
LUIS FERNÁNDEZ GUITIÁN LOGRA QUE O PLENO APROBE A MOCIÓN PARA DEMANDAR Á XUNTA QUE SIGA PROMOVENDO PROXECTOS QUE FACILITEN A PROMOCIÓN ECONÓMICA E A CREACIÓN DE EMPREGO NO CONCELLO SOBERINO24 de Febreiro de 2013AS ‘MERENDAS CON CONTOS’ DO MES DE MARZO ESTARÁN DEDICADAS AO TEATRO28 de Febreiro de 2013
