O Concello de Sober continúa co ‘Mes do Amandi’ a través da presenza a través dun stand promocional na mostra gastronómica Xantar, en Expourense, entre o 6 e o 10 de marzo. O alcalde da localidade, Luis Fernández Guitián, será un dos que acuda ao evento, xunto cos 23 colleiteiros que participarán na Feira do Viño de Amandi e que foron invitados á mostra ourensá.
Está previsto que o stand incorpore diverso material promocional da feira, así como información sobre o Concello de Sober, nomeadamente turística e gastronómica, entre a que se atopará a oferta das casas de turismo rural, a escola de hostalería, a olería de Gundivós ou o tren turístico de Doade.
Día 12, doazón de sangue
A seguinte das actividades será o 12 de marzo, día no que a unidade móbil da Irmandade de Doantes de Sangue de Galicia visitará Sober. A novidade reside en que cada unha das persoas doantes recibirá como compensación unha botella de viño de Amandi. O horario de recollida será de 10:30 a 14:00 horas na Praza do Concello.
A última das actividades do ‘Mes do Amandi’ será o 18 de marzo e consistirá nunha cata comentada dirixida por Bruno Lobelle, finalista da ‘Nariz de Oro’ de España, destinada ás xogadoras do Clube de Voleibol da Superliga feminina A.D. A Pinguela. Será ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
Pantón, convidado de honra
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
Adegas inscritas na XXXIII Feira do Viño de Amandi:
Todas as adegas estarán amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
A man de prado, As muras, Algueira, Anzio, Barbado, Cividade, Conde de Piantes, Cruceiro, Decima, Don Bernardino, Estrela, Guimaro, Lucenza, Marcelino I, Naz, O Regueiral, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Surga I, Tear, Val da lenda, Viña Cazoga e Viña Ferreiro.
