A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia visita mañá 12 de marzo o Concello de Sober. No marco do ‘Mes do Amandi’ o Goberno local decidiu que cada unha das persoas doantes de sangue recibirá como compensación unha botella de viño de Amandi. O horario de recollida será de 10:30 a 14:00 horas na Praza do Concello.
Poden doar as persoas cunha saúde normal, que pesen máis de 50 quilos, que teñan entre 18 e 65 anos de idade e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B ou C, sífilis ou SIDA).
Día de Sober en ‘Xantar’
O Concello de Sober estivo presente a pasada semana, entre o día 6 e o 10, na mostra gastronómica ‘Xantar’, a través dun stand no que se promocionou o municipio e tamén a XXXIII Feira do Viño de Amandi. Ademais da visita da delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, onte visitaron o posto, entre outras autoridades, o conselleiro de Cultura, o delegado da Xunta en Ourense e o alcalde da cidade das Burgas, para conmemorar o día dedicado a Sober. Os representantes institucionais brindaron co alcalde, Luis Fernández Guitián, pola Feira do Viño de Sober que se celebrará esta fin de semana.
Cata comentada
A última das actividades do ‘Mes do Amandi’ será o 18 de marzo e consistirá nunha cata comentada dirixida por Bruno Lobelle, finalista da ‘Nariz de Oro’ de España, destinada ás xogadoras do Clube de Voleibol da Superliga feminina A.D. A Pinguela. Será ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
Pantón, convidado de honra
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
Adegas inscritas na XXXIII Feira do Viño de Amandi:
Todas as adegas estarán amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
A man de prado, As muras, Algueira, Anzio, Barbado, Cividade, Conde de Piantes, Cruceiro, Decima, Don Bernardino, Estrela, Guimaro, Lucenza, Marcelino I, Naz, O Regueiral, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Surga I, Tear, Val da lenda, Viña Cazoga e Viña Ferreiro.
