O DEPORTISTA DAVID CAL SERÁ O PREGOEIRO DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

  • Home
  • Novas
  • O DEPORTISTA DAVID CAL SERÁ O PREGOEIRO DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

O Concello de Sober contará co deportista David Cal como pregoeiro da XXXIII Feira do Viño de Amandi que se celebrará na localidade a próxima fin de semana. A lectura será o domingo 24 ás 13:00 horas. O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que a elección responde a que Cal aglutina “unha enorme capacidade de loita e superación” o que o converte nun exemplo e un referente “da Galicia comprometida e que sempre sae adiante”.  “Pensamos en traer a alguén no que tanto a xente nova como os maiores queiran verse representados”, destaca o rexedor.
 
David Cal compite en piragüismo e é o deportista olímpico español máis laureado de todos os tempos e o primeiro que acada catro medallas olímpicas. A súa especialidade é a canoa monopraza en 500 e 1000 metros. Recentemente foi galardoado co premio aos Valores Olímpicos, que tamén recolleron o seleccionador nacional de fútbol Vicente del Bosque e o ex ministro de Educación, Ángel Gabilondo.
 
Nado en Cangas en 1982, David Cal protagoniza unha traxectoria deportiva ateigada de éxitos, entre os que destacan as súas actuacións nos Xogos Olímpicos de Atenas en 2004, nos que obtivo unha medalla de ouro e outra de prata, e nos Xogos de 2008 en Pequín, cando acadou outra medalla á que hai que sumar a de Londres de 2012. Estes bos resultados fixérono merecedor da Medalla de Ouro de Galicia no ao 2004, a Medalla de Ouro da Deputación de Pontevedra e a Medalla de Bronce da Real Orden do Mérito Deportivo. Ademais, foi elixido como o mellor deportista español e mellor deportista galego en varias ocasións. En 2005 recibiu o Premio Nacional do Deporte don Felipe de Borbón e en 2006 o Consello Superior de Deportes fíxolle entrega da Medalla de Ouro da Real Orden do Mérito Deportivo.
  
O ‘Mes do Amandi’ toca o seu fin
A última das actividades do ‘Mes do Amandi’ será o 18 de marzo e consistirá nunha cata comentada dirixida por Bruno Lobelle, finalista da ‘Nariz de Oro’ de España, destinada ás xogadoras do Clube de Voleibol da Superliga feminina A.D. A Pinguela. Será ás 19:45 horas no Centro Sociocultural de Sober.
 
Pantón, convidado de honra
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
 
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
Adegas inscritas na XXXIII Feira do Viño de Amandi:
Todas as adegas estarán amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
 
As muras, Algueira, Anzio, Barbado, Cividade, Conde de Piantes, Cruceiro, Decima, Don Bernardino, Estrela, Guimaro, Lucenza, Marcelino I, Naz, O Regueiral, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Surga I, Tear, Val da lenda, Viña Cazoga e Viña Ferreiro.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober