O CONCELLO DE SOBER CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

O Concello de Sober celebra esta fin de semana a XXXIII Feira do Viño de Amandi na que participan 21 adegueiros que presentarán a nova colleita deste ano. O alcalde, Luis Fernández Guitián, anuncia unha novidade que consiste nunha nova carpa que se instalará ao lado da Praza do Concello na que haberá 16 expositores, todos de Sober, relacionados coa artesanía e a gastronomía. Entre os productos que poderán atoparse neste espazo están as roscas de Millán, artesanía de vimbio e coiro e olería de Gundivós, entre outros.
 
O domingo o pregón correrá a cargo do deportista máis laureado do país, David Cal, quen onte mesmo recibiu o premio do Deporte Galego. Luis Guitián referiuse a el como unha persoa “con renome, un deportista de elite que todo o mundo coñece e que enxalzará os nosos viños”.
 
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
 
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
Programa de actos
A Festa comezará o día 23 ás 11:30 horas co disparo de bombas de palenque anunciando o inicio Feira. Ás 12:00 será a apertura oficial a cargo da adega Viña Ferreiro, en lembranza de Pedro Pérez Fernández, recentemente falecido. De seguido haberá unha actuación dun grupo de música tradicional.
 
Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas haberá un concerto a cargo da Banda de Música de Sober. Ás 18:30  está fixado o comezo da precata oficial, na sala de catas ubicada no Centro Sociocultural. Ás 19:30 horas será a actuación dun grupo de música tradicional e ás 23:00 horas, un dos pratos fortes da celebración: a actuación do grupo folk Quempallou.
 
Domingo 24 de marzo
A Feira do Viño segue o 24 de marzo desde as 10:30 horas, momento no que se dispararán 21 bombas de palenque, na honra de cada un dos adegueiros participantes. Ás 10:45 será a actuación da Charanga NBA e ás 11:00 horas o pasarrúas da Banda de Sober. Ao remate, a partir das 11:30 horas, comeza a cata oficial, na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober. Á mesma hora será a misa solemne coa bendición de ramos na Igrexa do municipio.
 
A recepción de autoridades está prevista para as 12:30 horas e a lectura do pregón para as 13:00 horas. De seguido, a Banda de Música de Sober fará o estreo público da muiñeira Alfareiros de Gundivós, obra do compositor Juan Lois. O acto inclúe ademais unha homenaxe aos veciños de Sober nacidos en 1981 coa I Feira do Viño de Amandi que seguen vivindo no Concello. Para rematar, a entrega de premios aos adegueiros gañadores da cata.
 
Ás 20:00 horas será o colofón da feira coa Orquestra Poceiro. O sábado tamén se inaugurará unha exposición de pintura na Casa da Cultura de José Sanjurjo Matilla, veciño de Rosende. Estará aberta ao público durante quince días. 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober