O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participarán mañá na XIV Festa dos Avós da localidade lucense na que este ano participarán máis de 350 persoas, sendo este o número máximo de asistentes que teñen acudido a esta cita.
Fernández Guitián avanza que mañá haberá un autobús que percorrerá o municipio para transportar a todos os participantes ata o evento e levalos de novo ás súas vivendas unha vez que este remate. A programación da Festa dos Avós inclúe unha misa, un xantar e o sorteo de máis de 150 agasallos doados polas casas comerciais de Sober e Monforte. A actuación musical correrá a cargo do Grupo Musical Atrévete.
A Festa comezará ás 13:30 horas no Pavillón do Colexio Virxe do Carme cunha misa na que participarán todos os párrocos do Concello. O menú, regado con viño de Amandi, estará composto de empanada, polbo, carne asada con patacas e pementos, e como sobremesa, larpeira rechea.
