O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA COLABORARÁN NA URBANIZACIÓN DA TRAVESÍA DE BELÁN

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA COLABORARÁN NA URBANIZACIÓN DA TRAVESÍA DE BELÁN

O Concello de Sober e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colaborarán nas obras de urbanización da travesía de Belán no centro urbano da localidade. Así se recolle nun convenio de colaboración entre o departamento responsable do Urbanismo da Xunta de Galicia e o Concello de Sober, asinado hoxe polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde, Luís Fernández Guitián. Esta colaboración implica un investimento de case 60.000 euros e forma parte dunha das principais liñas de acción da Consellería, como é a posta en valor do Plan Hurbe en colaboración coas entidades locais.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explicou que se trata dunha actuación “moi demandada polos veciños e moi importante para Sober” que vai permitir rematar cos problemas de tráfico en días de feira ou noutras datas como a Feira do Viño de Amandi ou o próximo día 28 de agosto co paso da Vuelta 2013 pola localidade. O rexedor espera que a actuación xa estea concluída para esa data.
 
O concello de Sober trasladou á Administración autonómica a necesidade de afrontar unhas obras de humanización desta travesía de acordo coas condicións que se recollen no Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado en abril deste ano. Na actualidade, a vía existente ten unha anchura variable, entre un mínimo de 2,40 metros e un máximo de 5,10 metros, entre os peches das parcelas.
 
O vial que se pretende urbanizar servirá para crear unha circunvalación ó centro urbano de Sober polo noroeste, que permitirá dar unha saída a todo o tráfico procedente dos núcleos Rosende, Anllo, Vilaescura e Millán cara ás estradas de Canabal e Monforte, evitando os atascos e problemas circulatorios que se producen periodicamente.
 
A solución é ensanchar a vía ate conseguir unha calzada de 5,40 metros, para formar dous carrís en ambos sentidos de circulación de 2,70 metros cada un. Desta maneira dáselle unha saída ó tráfico rodado da zona noroeste do núcleo de Sober sen necesidade de pasar polo centro urbano.
 
En definitiva, trátase dunha actuación de mellora de seguridade vial e de recuperación dun espazo público como vial urbano, sen compoñentes de edificabilidade. A súa execución adáptase ás determinacións da normativa urbanística aplicable, contribuíndo a mellorar da calidade de vida dos cidadáns.
 
O conselleiro destacou que o convenio segue a liña e a política de acción do Plan Hurbe, un programa co que o Goberno galego puido levar a cabo máis de 60 actuacións noutros tantos concellos galegos e que se traducen nun investimento de 86 millóns de euros para os municipios. No obstante, sinalou que estas cifras só teñen importancia na medida en que responden ao obxectivo de recuperar os espazos de encontro para mellorar as posibilidades de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural.
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober