O Concello de Sober, o de Pantón e o do Saviñao presentaron unha solicitude conxunta para obter unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de aforro e eficiencia enerxética para a renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes na Comunidade.
Os tres concellos recibiron un total de 180.000 euros, dos cales no Concello de Sober se investirán un total de 60.000 euros, 51.000 procedentes do Inega e 9.000 do Goberno local. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que se trata dunha obra “para a reforma integral da iluminación exterior que ademais trae consigo un importante aforro”.
En concreto, no Concello de Sober aproveitará a obra para unificar varios alumeados co obxectivo de ter un menor número de suministros. Os novos alumeados terán novas luminarias de alogenuro e reductores de potencia nocturnos. Veranse beneficiados pola axuda os pobos de Anllo San Estevo e Proendos.
As actuacións en Anllo San Estevo serán en Castinandi, O Cabarco, A Bouza, A Mogueira, A Seara, Hortás, Soutonovo e Portizó. No caso de Proendos, actuarase en Sanxillao, Francos, Proendos, Igrexa, A Pena, Vilastrille, O Barrio, A Senra, Os Pacios e As Laxes.
O alcalde espera que os traballos comecen de xeito inmediato, “previsiblemente no transcurso da semana próxima”. A actuación completa a xa feita na Bacariza, en Canabal e nunha parte de Anllo.O rexedor espera “poder continuar con estes traballos”.
