Sober, 17 de agosto de 2013.- O Alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación da quinta etapa de La Vuelta que terá como escenario de saída o municipio de Sober.
A Delegada Territorial incidiu no impacto publicitario que supón para Lugo e para a Ribeira Sacra a saída de Sober dunha etapa. Así, afirmou, grazas aos spots que publicitan La Vuelta “durante estes días, Sober e Lugo, veranse en máis de 170 países de todo o mundo”.
Raquel Arias resaltou ademais a oportunidade que como dinamizador económico supón acoller unha etapa da rolda española. Durante os días previos e posteriores ao evento achegaranse ao punto de partida de cada etapa membros da organización, afeccionados e curiosos, multiplicando a poboación dos municipios de saída. Un total de 22 equipos, máis de 200 ciclistas e máis de 3.000 persoas percorrerán o sur de Lugo na quinta etapa da rolda española.
Raquel Arias referiuse tamén á participación da Asociación provincial da Hostalería de Lugo que conta cun stand promocional na caravana que acompaña a La Vuelta nas 21 etapas que se desenvolven entre o 24 de agosto e o 15 de setembro.
A delegada territorial da Xunta en Lugo gabou a aposta por participar nesta iniciativa dos consellos reguladores de Viño de Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixos Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castañas de Galicia, Grelo de Galicia, Pemento de Mougán e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como de Armadores de Burela, de galletas mariñeiras Daveiga, da queixería Marqués de Cernadas e das asociacións de criadores de Galo Mos, Ovella Galega e Porco Celta.
Invitación a participar na saída desde Sober
Raquel Arias pediu a participación de todos os veciños da Ribeira Sacra para facer que o percorrido sexa o próximo mércores 28 de agosto “un fervedoiro de afeccionados animando aos corredores”.
Por último Raquel Arias referiuse ao esforzo dos deportistas que practican o ciclismo para comparalos cos viticultores da Ribeira Sacra, que co coidado das cepas nos bancais da ribeira practican unha viticultura heroica que require ás veces esforzos similares aos que teñen que realizar os ciclistas.
Pola súa banda, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, salientou que Galicia proxectarase nesta 68 edición de La Vuelta Ciclista a España como o que é: “unha terra hospitalaria, que ama o deporte, que valora o esforzo e a superación e como o bo camiño, que é recomendable coñecer e ao que todo aquel que o coñece quere volver”
Referíndose á quinta etapa dixo que “a paisaxe vitivinícola da Ribeira Sacra transportará aos seguidores de La Vuelta a unha terra marabillosa que ademais de ofrecer paisaxe permite desfrutar da gastronomía, que é sinal de identidade en toda Galicia” e engadiu que “a aposta pola calidade nos servizos turísticos, pola preservación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do territorio converten á Ribeira Sacra nun exemplo dentro de Galicia, e, en particular, nun dos dez lugares únicos e singulares de Galicia.”
A Directora de Turismo de Galicia sinalou a condición galega de líder en sectores turísticos como o turismo de saúde, así como en distintivos de calidade en sectores como o turismo rural, industrial, de ocio, náutico ou termal, ofrecendo experiencias turísticas únicas.
Detalles da etapa con saída en Sober
O director xeral da Vuelta, Javier Guillén, pola súa banda, explicou que a liña de saía da quinta etapa, estará situada na Rúa do Comercio da capital soberina preto da Praza do Concello onde se concentrarán os ciclistas para a saída neutralizada a partir das 12:55 horas. Previamente asinarán no “control de firmas” para os corredores que estará situado na Praza do Campo da Feira.
A caravana que acompaña a La Vuelta ocupará, practicamente, todas as rúas da capitalidade municipal. Así, o aparcadoiro dos 22 equipos que compiten na proba situarase na estrada de Monforte. A continuación, ata o cruce coa rúa do Progreso situarase o aparcadoiro da prensa. Ao longo da rúa do Progreso estacionará a caravana dos coches que acompañan á carreira, composto pola dirección de carreira, o cronómetro oficial, as motos e coches dos xuíces, os vehículos dos equipos, etc.
Tanto a Rúa das Hortas como a estrada de Canabal estarán reservadas para invitados e organización. Así mesmo, na avenida de Belán, preto da praza do Concello, situarase o cátering de degustación dos patrocinadores.
A caravana poñerase en marcha a partir das 13:00 horas coa saída neutralizada, os corredores percorrerán a Rúa do Comercio, subirán pola Rúa da Mina, continuarán polo camiño do Palacio para enlazar coa rotonda da estrada de Monforte a través da estrada de Gundivós.
A través da estrada de Monforte a Sober a carreira circulará neutralizada ata Piñeira, por onde a rolda discorrerá, evitando pasos a nivel, para enlazar coa estrada do polígono do Reboredo e acceder á N-120 dirección Ponferrada onde se dará a saída lanzada.
Arredor das 14:00 horas, segundo o horario previsto, a proba achegarase a Quiroga, entrando pola Avenida General Franco e continuando cara a Rúa de Petín pola Rúa Toucedo, para volver a enlazar coa N-120.
A serpe multicolor abandonará Lugo ao pouco de atravesar o túnel de Montefurado, adentrándose xa na provincia de Ourense.
O equipo que fai posible La Vuelta está composto por arredor dunhas 3.000 persoas das que arredor de 500 pertencen ó staff deportivo e preto da terceira parte son estranxeiros. Guillén agradeceu tamén a participación dos membros da Garda Civil de tráfico cun operativo de arredor de 130 vehículos e ao redor de 40 policías nacionais.
Guillén dixo que a saída da etapa de La Vuelta está concibida como unha auténtica festa, “bonito para Sober e emotivo para La Vuelta” e recordou que para o afeccionado ao ciclismo é unha oportunidade única de achegarse aos seus ídolos, pois é a única proba que permite o acceso libre aos autobuses dos equipos deportivos.
A caravana que compón La Vuelta non só se centra exclusivamente na competición profesional, senón que haberá unha serie de actividades que rodean á proba, permitindo grazas a iniciativas coma as Aulas Ciclistas ou La Vuelta Junior, dar unha enorme proxección de futuro ao deporte en xeral e ao ciclismo en particular.
Semana do ciclismo en Sober
Por último, o Alcalde soberino agradeceu a todos os presentes a súa implicación por permitir que Sober se converta no centro do mundo do ciclismo o próximo 28 de agosto. Anunciou ademais que ao longo da próxima semana darase a coñecer un completo calendario de actividades que animarán a semana do ciclismo na capital soberina.
Luís Fernández Guitián convidou aos veciños de Sober a desfrutar ao máximo dun evento único que visita a vila e animounos a participar nas numerosas actividades que se van desenvolver desculpando algunha pequena incomodidade que puidera xurdir derivada dos necesarios cortes de estradas por mor da enorme afluencia de persoas que durante eses días visitarán Sober.
