O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o presidente de Special Olimpics en Galicia, Eladio Fernández, e representantes dos Clubs Ciclista Ponte Vella de Monforte e BTT Santa Cruz Bike presentaron esta mañá a Semana do Ciclismo, que se organiza con motivo do paso de La Vuelta a España pola localidade. As actividades desenvolveranse entre o venres 23 de agosto e o sábado 31.
Todos os participantes destacaron a importancia de que La Vuelta Ciclista a España pase pola Ribeira Sacra, polo que converterán este feito nun reclamo para a recepción de visitantes durante toda a semana. “Sober sóbese á bicicleta para dar a coñecer todo o seu potencial turístico e para que todos os soberinos participen desde evento”, destacou o alcalde da localidade.
O pistoletazo de saída, un concerto
A primeira das actividades programadas é un concerto que terá lugar o venres 23 ás 22:30 horas na Rúa do Comercio co Grupo Carta de Ajuste que interpretará versións de cancións dos anos 80 e 90.
Día da familia e a bici
O sábado 24 terá lugar o Día da familia e a bici na Área recreativa de Cadeiras. Trátase dunha xornada para o fomento do deporte en familia que inclúe un paseo pola zona, un espazo habilitado para o picnic, así como unha xincana e xogos para os máis pequenos. Ademais, haberá premios para a bicicleta máis antiga, o ciclista máis novo, o máis veterano, así como a familia ciclista máis numerosa.
Ruta cicluturista polos miradoiros da Ribeira Sacra
O domingo 25 de agosto será a quenda da ruta cicloturista polos miradoiros da Ribeira Sacra. O trazado desenvolverase polos Canóns do Sil e terá unha distancia de 60 quilómetros pasando polos miradoiros máis singulares da zona sur. A dificultade da ruta é moderada.
I Marcha Ciclista Unificada
Coa colaboración de Special Olympics Galicia organízase a I Marcha Ciclista Unificada cun circuíto dende Doade a Sober. Ás 10.15 farase o control de firmas na Praza de Sober e o acto de inauguración. De seguido os participantes desprazaranse ata Doade onde será a saída. A marcha dura 15 quilómetros ata chegar a Sober onde se atopará a meta. Ao remate haberá un xantar para os participantes.
Saída da Quinta Etapa da Vuelta
O mércores 28 de agosto Sober será escenario da saída da quinta etapa da Vuelta Ciclista a España, nunha rolda que remata no Lago de Sanabria. Toda a información sobre esta etapa podedes atopala no seguinte enlace: http://www.concellodesober.com/amplia.php?id=145.
Baile á luz da lúa
O programa de actividades continúa o venres 30 de agosto ao anoitecer, cando a Banda de Música de Sober ofrecerá un repertorio de pezas bailables dos anos 50, 60 e 70.
Ruta BTT Santa Cruz Bike
O último dos eventos programados dentro da Semana do Ciclismo de Sober será a ruta promovida polo Club Ciclista Ponte Vella de Monforte, Santa Cruz Bike e Special Olympics Galicia para o sábado 31 de agosto. A ruta consta de dous percorridos, un vermello de 45 quilómetros e un verde de 28 quilómetros. Ao remate haberá pinchos e viño e festa con DJ Rhyco Defunk.
