CONVÓCASE UN CONCURSO DE IDEAS PARA REMODELAR A PRAZA DO CONCELLO DE SOBER

  • Home
  • Novas
  • CONVÓCASE UN CONCURSO DE IDEAS PARA REMODELAR A PRAZA DO CONCELLO DE SOBER

O equipo de Goberno de Sober asinou hai tempo un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia en virtude do cal se ven de convocar un concurso de ideas para a selección da proposta máis idónea para a remodelación da Praza do Concello e a súa contorna.
 
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que o que se pretende é ter un plan de futuro para a Praza do Concello, “un verdadeiro plan director que perdure no tempo, tendo en conta que a capital municipal é das poucas vilas capital de Concello que non ten unha estrada de paso. Por iso Sober se configura como unha vila nacida arredor dunha gran praza con outras pequenas prazas próximas”, engade.
 
O obxecto do concurso comprende o espazo público de 12.786 metros cadrados delimitado na documentación gráfica, que abarca a praza pública que preside o edificio da casa consistorial.  Inicialmente o Concello non destina contía algunha a esta actuación, cuxo custo aproximando sería de 1,5 millóns de euros, senón que se irá facendo o investimento en función dos recursos que se consigan da Xunta de Galicia ou doutras administracións.
 
Guitián destaca que se trata “dun concurso pioneiro nun concello pequeno como o de Sober”, polo que aposta por ter unha idea clara do proxecto a levar a cabo antes de comezar a pedir as axudas. Unha vez se vaia acadando o orzamento a previsión é a de facer as obras por fases.
 
Quilómetro cero do municipio
A pretensión do Concello de Sober é a de dispor dun verdadeiro proxecto director da praza e que esta se converta no quilómetro cero do municipio. Tamén se busca poder seguir desenvolvendo nela as feiras e festas que acolle mensualmente. Preténdese que a proposta sexa innovadora, funcional e que teña certa repercusión positiva na actividade turística e economía de Sober.
 
A proposta debe integrar a alameda e o parque infantil existente, así como o acceso ao edificio municipal, podendo propor sobre estes espazos melloras para a súa integración no resto da praza.
 
Ademais, debe intentar reproducir os principais valores do municipio, como son o viño de Amandi, o espazo natural do Canón del Sil, os elementos naturais e arquitectónicos da Ribeira Sacra, a alfarería de Gundivós e a banda de música do municipio.
 
Máis información
A presentación das propostas poderase facer os 15 días seguintes á súa publicación no BOP. Toda a información relativa ao concurso pode consultarse no seguinte enlace: http://www.coag.es/categorias/Novedades/2013/concursosober/.
 
Cando saian publicadas as bases no BOP fixarase un día para que os arquitectos que concursen fagan unha visita guiada á praza para coñecela in situ e poder observar as necesidades de futuro que presenta. 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober