O Concello de Sober colabora, xunto co Goberno galego e a Axencia das Industrias Culturais (AGADIC), na organización das Festas do Carme que encherán de música a localidade durante catro días, desde o venres día 13 ata o luns 16.
O programa festivo iniciouse o domingo día 1 coa procesión dende a Igrexa de San Martiño coa imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa Nova de Sober. O percorrido estivo amenizado polo Grupo de Música Tradicional.
Venres día 13
O venres día 13 retómase a celebración coa actuación na verbena, a partir das 23:00 horas da Orquestra Oceanía na Praza do Concello. O sábado día 14 haberá misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas e sesión vermú coa Orquestra D’Momento a partir das 13:30. Ás 19:30 actuará a Agrupación Folklórica O Fiadeiro de Vigo na Praza do Toural, dentro do programa Danza 3 da Consellería de Cultura e Educación.
No seu encontro co público este colectivo exhibe a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar aos espectadores asistentes, de xeito que cada un destes espectáculos é único, espontáneo e persoal.
Podedes obter máis información no seguinte enlace: http://www.agadic.info/Blog/contido/1421/O_programa_Danza_3_da_Conselleria_de_Cultura_remata_este_mes_con_5_novas_actuacions_en_Poteareas__Marin__O_Barco__Sober_e_Redondela
A partir das 21:30 horas haberá baile e verbena na Praza do Concello coas Orquestras D’Momento e Delirio. O día festivo remata ás 24:00 horas cunha sesión de fogos de lucería.
Domingo día 15
O domingo día 15 a festa comeza ás 11:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober. Ás 12:30 horas haberá procesión acompañada pola Banda e misa solemne e ás 13:30 horas iníciase a sesión vermú coa Banda de Música de Sober. Xa pola noite, a partir das 21:30 horas haberá baile e verbena na Praza do Concello co Trío Atrévete e a Orquestra Espectáculo Delicia.
As festas do Carme rematan o luns día 16 no que haberá misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas. O broche final chegará cunha paellada xigante e gratuíta na Praza do Concello a partir das 20:30 horas elaborada polo mestre cociñeiro José Arias. Seguidamente haberá baile co Trío Atrévete.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, invita a todos os veciños e veciñas e a todos os que se atopen preto ou de visita na localidade a que participen na celebración.
