Unha ducia de profesionais vinculados ao Colexio de Arquitectos de Galicia visitaron esta mañá a Praza do Concello de Sober para coñecela in situ e poder achegar ideas para a futura remodelación. Esta será posible en virtude dun convenio asinado polo Colexio e o Concello de Sober no que se vén de convocar un concurso de ideas para a selección da proposta máis idónea para remodelar a Praza do Concello e a súa contorna.
Na visita tamén participou o rexedor local, Luis Fernández Guitián, o presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia en Lugo, Raúl J. Veiga, así como o coordinador do concurso, Alberto Escobar.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que o futuro proxecto terá un custe cero para o Concello de Sober “posto que non comezará a executarse ata que consigamos apoio doutras administracións, como da autonómica ou da Deputación de Lugo”.
Un proxecto a desenvolver por fases
O rexedor explicoulles aos profesionais arquitectos que contan con tres primas de participación para os tres proxectos finalistas e que ao gañador se lle encargará o seu deseño para desenvolver “por fases” segundo o Concello vaia dispoñendo de axudas para poder levar a cabo as obras.
Guitián insiste en que o que se pretende é ter un plan de futuro para a Praza do Concello, “un verdadeiro plan director que perdure no tempo”, tendo en conta que a capital municipal é das poucas vilas capital de Concello que non ten unha estrada de paso.
O obxecto do concurso comprende o espazo público de 12.786 metros cadrados delimitado na documentación gráfica, que abarca a praza pública que preside o edificio da casa consistorial. Preténdese que a proposta sexa innovadora, funcional e que teña certa repercusión positiva na actividade turística e economía de Sober.
A proposta debe integrar a alameda e o parque infantil existente, así como o acceso ao edificio municipal, podendo propor sobre estes espazos melloras para a súa integración no resto da praza.
Ademais, debe intentar reproducir os principais valores do municipio, como son o viño de Amandi, o espazo natural do Canón del Sil, os elementos naturais e arquitectónicos da Ribeira Sacra, a alfarería de Gundivós e a banda de música do municipio.
