O equipo de Goberno aprobou onte na celebración do seu Pleno ordinario iniciar o correspondente expediente para solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de Concello de Interese Turístico. Os concellos con esta distinción gozan de prioridade de acceso a diferentes fondos autonómicos, ademais de ser obxecto de varios programas sectoriais de promoción e planificación.
Decreto de 2001: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2001/20010220/Anuncio2F56_es.html
Outros acordos
No Pleno celebrado acordouse ademais fixar como festas locais para o 2014 o 8 de setembro, día non que se celebra a Romaría de Cadeiras, e o 22 do mesmo mes, coincidindo coa Festa do Carme.
Na mesma sesión acordouse unha modificación de crédito de 31.000 euros por maiores ingresos para amortización de préstamo, o cal trae consigo unha redución da débeda do Concello. Dentro de capítulo económico, aprobouse unha ordenanza fiscal na que se fixa unha taxa pola celebración de matrimonios civís. A contía establecida é de 100 euros cando ningún dos contraentes é de Sober e 50 se algún deles é veciño do Concello. A ordenanza recolle a exención da taxa previo informe de servizos sociais por baixa renda familiar.
O Pleno acordou tamén solicitar do Instituto Nacional de Estatística a inclusión dun total de 20 entidades de poboación de diversas parroquias que xa figuraron en censos anteriores. Trátase de lugares alonxados doutros ou o suficientemente importantes como para ser incluídos.
En relación cunha moción do BNG sobre as persoas que perciben pensións doutros países, aprobouse a seguinte emenda transacional, a mesma que foi apoiada pola unanimidade do pleno do Parlamento de Galicia do pasado 11 de setembro:
“O Pleno do Concello de SOBER insta á Xunta de Galicia a que solicite do Goberno de España que, na inspección que se está dirixindo por parte da Axencia Estatal da Administración Tributaria a pensionistas que á súa vez teñan pensións da emigración, tendo en conta as actuais circunstancias de recesión económicas, os altos niveis de desemprego e o empobrecemento das familias, moitas das cales hoxe dependen, para a súa supervivencia, dos ingresos mensuais destes pensionistas nos seus fogares, adopte as seguintes medidas:
1. Regularizar a situación dos pensionistas sen consideralos como defraudadores fiscais, ofertando información pormenorizada e homoxénea das súas obrigas fiscais.
2. Habilitar, para o caso de que teñan que afrontar pagos polas súas declaracións complementarias, períodos de pagamento máis longos que os estipulados habitualmente, en aras de evitar un quebranto económico nas unidades familiares destes pensionistas.
3. Eximir do pago de sancións a aqueles pensionistas que regularicen a súa situación fiscal.
4. A revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situación deste tipo poidan volver producirse no futuro.
5. Que se teñan en conta todos os criterios anteriores para estimar os recursos que se presenten ante as sancións xa comunicadas.”
Por último, e en relación cunha solicitude da concelleira Paula Vázquez Verao para a colocación dunha placa ás vítimas do franquismo, O Grupo Popular do Concello de Sober reafirmase na condena da ditadura franquista aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos parlamentarios na Resolución do Parlamento de Galicia de outubro do ano 2008.
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos, así como a colaborar na identificación dos desaparecidos e soterrados en fosas comúns durante a ditadura franquista, que este Parlamento unha vez máis condena.”
A maiores, o equipo de Goberno censura calquera tipo de réxime totalitario e condénsanse todo tipo de actividades incompatibles co estado de dereito.O Grupo Popular de Sober manifestou estar con todas as vítimas, tanto as represaliadas durante a Guerra Civil, como durante o franquismo. Para o grupo do PP de Sober todas as vítimas son iguais e, polo tanto, deben estar situadas no mesmo plano.
O equipo de Goberno propuxo o seu apoio e colaboración para a celebración en Sober dun acto de lembranza as vítimas.
