O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA INICIARÁN ESTE MES OS TRABALLOS DE MELLORA E ADECUACIÓN DA RÚA DO COMERCIO

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA INICIARÁN ESTE MES OS TRABALLOS DE MELLORA E ADECUACIÓN DA RÚA DO COMERCIO

O Concello de Sober e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria e Comercio, teñen previsto iniciar nos próximos días as obras de mellora integral da Rúa do Comercio. A actuación, á que se destina un orzamento de 82.000 euros, está financiada nun 75% polo Goberno galego a través da liña de subvencións para o comercio de proximidade. O prazo de execución está previsto que se prolongue durante 10 semanas.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, subliña que esta actuación redundará en beneficio da imaxe da vila e mellorará o seu aspecto de maneira substancial, un feito do que poderán desfrutar todos os veciños e veciñas e os turistas que se acheguen á localidade. O rexedor destaca ademais que se trata da principal rúa comercial da capitalidade que non sufriu ningún tipo de reforma en 50 anos.
 
A obra inclúe novas beirarrúas, 25 prazas de aparcamento, entre elas unha para persoas con mobilidade reducida e tres para taxis, pasos de peóns adaptados, zonas para contedores, bancos, papeleiras e nova iluminación.
 
En detalle
O Goberno local de Sober pretende mellorar e adecuar o espazo dunha rúa comercial, de xeito que se pavimentará diferenciando as zonas segundo o seu uso. Así, as zonas peonís pavimentaranse con baldosas de formigón, as de aparcamento para vehículos con adoquín de formigón e a zona de calzada e paso de vehículos con aglomerado en quente.
 
Previamente á colocación do pavimento definitivo faranse as gábeas necesarias para o soterramento da instalación de alumeado público, que se verá renovada na súa totalidade substituíndo as luminarias actuais por outras máis modernas e eficientes para fomentar o aforro enerxético e reducir o consumo.
 
No novo pavimento colocaranse os vaos necesarios segundo a normativa de accesibilidade que permitan a circulación axeitada de persoas con mobilidade reducida. Ademais, crearase unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
 
As actuación completaranse coa colocación de mobiliario urbano e a reserva de dúas zonas, unha en cada extremo da rúa, para a colocación dos contedores de residuos sólidos urbanos para ordenalos e situalos nun espazo específico para eles.
 
Por último, colocaranse sinais verticais de límite de velocidade na zona máis estreita da rúa, así como outra sinalización da praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. O espazo público sobre o que se vai actuar ten unha superficie total aproximada de 1.495 metros cadrados.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober