O ALCALDE DE SOBER PÍDELLE Á DEPUTACIÓN DE LUGO QUE SOLVENTE O MAL ESTADO DE DIVERSAS ESTRADAS DA SÚA COMPETENCIA

  • Home
  • Novas
  • O ALCALDE DE SOBER PÍDELLE Á DEPUTACIÓN DE LUGO QUE SOLVENTE O MAL ESTADO DE DIVERSAS ESTRADAS DA SÚA COMPETENCIA

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de remitirlle unha carta ao presidente da Deputación de Lugo ao que lle pide que, tras as queixas de veciños e visitantes, interveña ante o mal estado que presentan diversas estradas de titularidade provincial que atravesan o municipio. O rexedor engade que se trata de estradas nas que se producen accidentes con demasiada frecuencia, en varias ocasións mortais.
 
Sen ir máis lonxe, a semana pasada téñense contabilizado nestes tramos ata 9 accidentes, sen que nestes casos se tiveran rexistrado feridos graves. En concreto, o equipo de Goberno do Concello de Sober pide que se actúe na 32-01, na 59-03 e na 59-04.
 
A 32-01, que comunica Sober con Monforte, foi perdendo varias das sinais verticais, que non foron repostas. Ademais hai xa varios anos que non se pinta, polo que a sinalización horizontal é totalmente nula. No p.q. 7.00 hai unha ponte sen protección dende que se produciu un accidente fai 2 anos. Ao tempo, entre o p.q. 6.50 e 8.00 existen varias curvas que necesitan unha limpeza en profundidade do firme debido as continuas saídas de vehículos.
 
A 59-03, que comunica Sober con Doade, atópase sen sinalización horizontal dende o p.q. 1.00. Necesita unha mellora urxente na curva de A Carqueixa (p.q. 2.300), onde semanalmente se producen accidentes, e presenta un estado lamentable dende o p.q. 8 ata o seu final en Doade. Amais diso, é moi estreita, ten un firme absolutamente deteriorado e as cunetas fai anos que non se limpan. Trátase dunha das estradas de titularidade provincial con máis usuarios debido ao seu carácter turístico, xa que por ela se accede ao Canón do Sil, viñedos de Amandi, varias ducias de Adegas da D.O. Ribeira Sacra, ao catamarán, ao tren turístico, ou ao románico rural.
A 59-04, que comunica Sober con Vilacha por Gundivós, necesita unha mellora integral urxente dende o p.q. 0.600, producénse habitualmente saídas de vía. Esta estrada presenta un estado lamentable, podemos considerala terceiromundista. Tamén é moi estreita, ten un firme absolutamente deteriorado e  as cunetas fai anos que non se limpan. Trátase igualmente dunha das estradas de titularidade provincial con máis usuarios debido que leva ao Centro Oleiro de Gundivós, onde semanalmente se acercan excursións en autobuses e centenares de turistas.
 
Prioridade absoluta
Por último, o alcalde de Sober pídelle ao presidente da Deputación que saiba atender as súas demandas, que realiza en nome dos veciños e veciñas da localidade e dos usuarios en xeral. “Son consciente dos tempos en que vivimos pero tamén creo que se debe priorizar e os casos que cito son absolutamente prioritarios”, conclúe o rexedor.
 
 
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober