Este xoves día 27 de Marzo inaugúrase no Centro do Viño de Monforte unha exposición de viñetas que xira entorno o viño: “Viño e Viñetas: humor gráfico dedicado ao viño da Ribeira Sacra”.
Esta mostra confórmase a partir dunha colección de ilustracións de humor gráfico referidas ao mundo do viño e que o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, amablemente prestou para a súa exposición pública. Na mostra podemos ver viñetas que debuxaron Gogue, Siro, Xosé Manuel, Xaquín Marín, Santy Gutiérrez, Xosé Lois ou Manolo, entre outros artistas, tendo ao viño como fío condutor para desenvolver unha mensaxe humorística e satírica.
Moitas das viñetas son agasallos que os propios debuxantes lle fixeron ao Concello de Sober coincidindo coa celebración da Feira do Viño de Amandi, a máis antiga da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Dende o Centro do Viño aproveitan a proximidade de dita feira para realizar esta exposición a modo de achegamento e promoción á vez que realizan un percorrido pola súa historia, dende o punto de vista do cómic e a caricatura. Deste xeito, grazas a colaboración do Concello de Sober, o Centro do Viño a súa achega á promoción dos viños da subzona de Amandi.
O humor gráfico é unha forma de comunicación visual, que se vale da ilustración para abordar de xeito cómico temas ou conceptos. É un canal directo entre o sentido do humor do debuxante e o do propio espectador e tanto a Feira do Viño de Amandi como o propio viño, foi e segue sendo tema recorrente para os debuxantes. Poderase comprobar nesta exposición que se inaugura no Centro do Viño este xoves día 27 ás 20:00 horas e que poderá ser visitada ata o día 24 de abril.
