O CONCELLO DE SOBER CONTA DESDE HOXE CUN PUNTO DE INFORMACIÓN CATASTRAL

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER CONTA DESDE HOXE CUN PUNTO DE INFORMACIÓN CATASTRAL

O Concello de Sober levou a cabo as xestións oportunas coa Axencia Territorial do Catastro e desde hoxe conta cun Punto de Información Catastral que pon á disposición de todos os veciños e veciñas da localidade. O servizo prestarase no propio Consistorio en horario de oficina, de 9:00 a 14:00 horas.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca que a partir de agora os veciños e veciñas da localidade non terán que desprazarse a Lugo para conseguir información de relevancia sobre as súas propiedades. En concreto, o Concello está autorizado a expedir gráficas descritivas das fincas e das propiedades, sempre e cando a solicite o seu titular.
 
Os documentos son válidos e precisos para a solicitude de subvencións, entre outras, e teñen validez ante notario. Para poder obtelas será preciso que as fincas estean a nome do titular que poderá acceder el mesmo á información ou a persoa que autorice mediante a copia do DNI e cubrindo unha solicitude.
 
Amais deste novo servizo que o Concello de Sober comeza a prestar hoxe aos seus veciños e veciñas, a autorización da Axencia Territorial do Catastro permite que o Goberno local obteña outro tipo de información como datos catastrais, altas de casas, etc.  
 
A maiores o Concello de Sober conta cun servizo gratuíto para os veciños e veciñas de xestión de trámites catastrais todos os días de feira, os días 12 e 28 de cada mes.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober