Este venres presentáronse no Centro Sociocultural de Sober os resultados da prospección arqueolóxica con xeoradar realizada en Proendos, un acto presidido polo alcalde, Luis Fernández Guitián, no que tamén participou a empresa encargada dos traballos, Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL.
En outubro de 2019 realizouse unha prospección con xeoradar nos terreos da parroquia de Proendos, en Sober. No lugar existía a constancia da presenza dun xacemento arqueolóxico de gran tamaño do cal se teñen documentado numerosas pezas; como columnas, cerámicas e material construtivo.
O traballo realizouse nas proximidades da igrexa de Proendos baixo a dirección de Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL.
Resultados
O obxectivo da prospección era coñecer o estado de conservación deste xacemento, o seu tamaño e a súa posible funcionalidade. Tras a prospección de 27.000 metros cadrados, os resultados do xeoradar foron positivos. Documentouse un grande edificio con construcións asociadas duns 3.000 metros cadrados, cunha estrutura a modo de ábsida e posibles evidencias de baños no seu interior.
Nas proximidades deste grande edificio existen outros de menor tamaño asociados a rúas ou calzadas de paso, que denotan un complexo entramado urbano en época antiga en Proendos.
Outros puntos prospectados ofrecen información sobre posibles estruturas de almacenamento, captación de auga e incluso existe unha posible estrutura defensiva a modo de foso, así como a coñecida necrópole de Proendos.
As características urbanas constatadas fan pensar en grandes edificios de cronoloxía romana xunto con fases prehistóricas e medievais. A funcionalidade e identificación dos edificios é unha hipótese ata poder realizar escavacións arqueolóxicas que contrasten os datos.
Os estudos indican que poderíamos atoparnos ante unha vila romana ou un aglomerado secundario, un pobo cun urbanismo sofisticado.
