O Concello de Sober vén de iniciar a programación de Nadal na que sobresae a música e o gran número de actividades que se van a desenvolver desde o arranque do mes e ata o 5 de xaneiro, día da visita dos Reis Magos.
En concreto, haberá un gran número de propostas, ademais da convocatoria dos certames clásicos, como son o certame de poesía, de postais, de beléns e de decoración de locais comerciais.
Primeiras actividades
O calendario arrancou o día 2 coa presentación do poemario de José Vicente Barcia, xornalista asentado en Sober. Este sábado tivo lugar o mercadiño de Nadal que organiza a Asociación Veciñal de Bolmente.
Inauguración do alumeado
O venres día 12 farase a iluminación do alumeado de Nadal e dos beléns, un deles o de Ruperto Álvarez, instalado no Centro Sociocultural, e outro o belén a tamaño natural con pezas de madeira feitas por Eugenio Linares, que se coloca diante da Casa do Concello de Sober.
Máis música
O día 13 Rosende celebra a Festa de Santa Lucía, mentres que o 14 a Escola Municipal de Música de Sober convida ao seu Festival de Nadal.
A visita de Papá Noel está prevista para o día 19 de decembro, mentres que o día 21 Sergio Alba presenta o seu espectáculo de humor para adultos ‘Dous rombos. Pasa para a cama!’ no Centro Sociocultural.
O Trícole ofrece un concerto de panxoliñas o día 26 no local social de Bolmente e o seu espectáculo ‘Os folieiros de lavadores’ na Centro Sociocultural de Sober o día 28.
Festa infantil de Nadal
O 29 de decembro o Goberno local organiza unha festa infantil de Nadal no pavillón do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme.
O día 30 O Trícole canta os Reis no Centro Sociocultural, nun acto no que se entregarán os premios dos certames de Nadal.
Concerto de panxoliñas
Xa en 2026, o día 2 de xaneiro haberá un concerto de panxoliñas a cargo do Trícole, que percorrerá diversos puntos da localidade, como a residencia da terceira idade, Canaval e Rosende.
A programación de Nadal remata o día 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, que chegarán cargados de agasallos para todos e todas.

Leave a Reply