O Goberno local do Concello de Sober anuncia que o chef Rafa Centeno será o pregoeiro da XLVI Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 27, 28 e 29 de marzo de 2026. Pronunciará o seu pregón o domingo 29 ao mediodía.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca que “Centeno logrou un fito histórico para Galicia, para a provincia de Lugo e para Sober” ao converter o seu restaurante Vértigo no primeiro na historia de Lugo en recibir este recoñecemento.
A estrela de Vértigo, o proxecto máis persoal de Rafa Centeo, non só borra a Lugo da lista de provincias sen distinción Michelin, senón que sitúa ao enoturismo galego no primeiro nivel nacional, onde apenas seis adegas en toda España contan cun restaurante estrela nas súas instalacións. Con isto, Regina Viarum consolídase como un dos grandes referentes enoturísticos do noroeste peninsular.
Centeno, novo veciño de Sober
Rafa Centeno fíxose cargo do Restaurante Vértigo o pasado mes de xullo. Natural de Lugo, o cociñeiro é tamén propietario do reputado restaurante vigués Maruja Limón, distinguido tamén desde o ano 2010 cunha estrela da Guía Michelin.
O seu domicilio actual está na aldea de Francos, en Sober, desde onde pode achegarse andando ao restaurante e á bodega, situados nun espectacular paraxe do Canón do Sil.
O Goberno local de Sober valora o seu interese por asentarse en Sober, a súa intención de contribuír á revitalización do mundo do rural galego e a aposta e promoción dos produtos locais de proximidade que, xunto aos viños da subzona de Amandi, non faltan na súa carta.

Leave a Reply