|
|
NOVAS |
LUCÍA PÉREZ E FUNÇAO PÚBLICA, PRINCIPAIS ATRACCIÓNS DAS FESTAS DO CARME DE SOBER
A comisión de festas, en colaboración co Goberno local do Concello de Sober, está ultimando estes días o programa do Carme que se celebrará na localidade do 16 ao 19 deste mes de setembro. Deseñouse un cartel moi completo, que contará con multitude de actividades para nenos e adultos. Este ano as dúas grandes atraccións serán a actuación da cantante Lucía Pérez e o espectáculo da mellor orquestra portuguesa: Funçao Pública”.
A xornada festiva comezará o venres día 16 ás 21:00 horas coa inauguración do alumeado artístico e o disparo das 16 bombas de palenque na honra ao día da Virxe do Carme, que foi o pasado 16 de xullo. A partir das 22:00 horas o grupo D' Momento será o encargado de amenizar a verbena da noite.
O sábado 17 o grupo Ervedo abrirá o día cun pasarrúas a partir das 11:00 horas. Ás 13:00 celebrarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Sober. A continuación a sesión vermú correrá a cargo do grupo folk Garavelo. Xa pola tarde, sobre as 19:00 horas na Praza do Toural, novo circo con Rudi Rudi que porá en escena o espectáculo ‘Rastafarudi’ dedicado aos nenos e nenas. Pola noite, ás 21:30 horas haberá baile coa Orquestra Espectáculo Costa Verde. Arredor das 23:30 horas terá lugar a actuación estelar da artista eurovisiva Lucía Pérez.
O domingo 18 pola mañá a Banda de Música de Sober será a encargada de levar a cabo un pasarrúas enchendo de música todo o municipio. En torno ás 13:00 horas celebrarase a tradicional procesión coa Virxe do Carme que estará acompañada da Banda de Música de Sober, que tamén será a encargada de amenizar a posterior sesión vermú. Pola tarde, sobre as 18:00 horas, disputarase o trofeo de fútbol no campo de Centeás. Xa pola noite, a orquestra Funçao Pública porá o broche de ouro á xornada festiva cunha actuación a partir das 21:30 horas.
O último día das festas do Carme de Sober será o luns 19, que comezará xa pola maña coa actuación dun grupo de música tradicional. Ás 12:30 horas oficiarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Sober. A partir das 20:30 horas celebrarase unha gran paellada xigante con acompañamento musical que será gratuíta para todas e todos os asistentes e porá o peche final á festividade.
O alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, convida no seu nome e no da comisión de festas a todos os veciños e veciñas a participar desta festividade, así como a todos os visitantes que se atopen na localidade eses días.
|
|
|
|
|
|