|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER TRASLADA O PESAR POLO FALECEMENTO DO EMPRESARIO LINO FERNÁNDEZ VIDAL
O Goberno local do Concello de Sober traslada o seu máis sentido pesar polo falecemento de Lino Fernández Vidal, coñecido empresario local. O soberino cumpría 93 anos no mes de maio.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, en nome dos veciños e veciñas mostra as súas condolencias a este empresario exemplar e pioneiro, que nos anos 60 comezou a adaptarse aos novos mercados, traballando en cadea e asistindo ás máis importantes feiras de maquinaria do mundo (Zaragoza, Tenerife, Mallorca ou varias en Portugal e outros países de Europa).
Os seus restos están no Tanatorio Rivas de Sober e o enterro será mañá martes ás 6 da tarde na Igrexa Parroquial de Proendos.
Empresario exemplar
A súa empresa, Factorías Fernández, foi a principal firma de Sober, fundada por seu pai Manuel Fernández en 1915. Lino estivo á fronte da empresa ata os anos 80 anos. Os primeiros traballos foron en cobre e logo en plástico; alambiques, sulfatadoras e cerrallaría. Chegaron a exportar a unha ducia de países.
Empresario exemplar, chegou a contar con 40 empregados. As súas marcas La Flor, Lijoya, Follanova ou Sober están na practica totalidade dos fogares galegos que se dediquen á viticultura.
Lino foi un dos 6 fundadores da Feira do viño de Amandi en 1981 xunto con Benito Rivas Valdés, Eduardo Álvarez Pérez, Jesús Vaquero Guardo, Arturo Corral Rivas e Luis Fernández Guitián, actual rexedor.
|
|
|
|
|
|