|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER DECRETA SOLICITAR ZONA DE EMERXENCIA PARA OS VIÑEDOS AFECTADOS POLAS XEADAS
O Goberno local do Concello de Sober a través dun decreto da Alcaldía acordou dirixirse á Consellería do Medio Rural para solicitar zona de emerxencia para os viñedos afectados polas recentes xeadas e que, tras iniciarse as avaliacións, en moitos casos suporán a perda do 100% da colleita.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que vén de tomar esta determinación tras manter unha reunión cos viticultores do Concello tras verse gravemente afectados polas xeadas de finais do pasado mes de abril e tras comprobar “in situ” o seu efecto devastador.
O decreto asinado esta mañá polo alcalde tamén acorda que o Concello se pon a disposición dos técnicos da Consellería do Medio Rural para facer as visitas, comprobación e avaliación dos danos que afectan case na súa totalidade á Ribeira do Cabe, (parroquias de Anllo Santo Estevo, Rosende, Vilaescura e Canabal), e parroquias de Refoxo, Neiras e Proendos e, de forma puntual, as parcelas da subzona de Amandi (parroquias de Doade, Amandi, Lobios, Pinol e Santiorxo).
O Goberno local ofrécelle tamén a súa colaboración aos viticultores afectados para a xestión de todo tipo de axudas que sexa posible tramitar. O alcalde precisa que, desde o primeiro día, o Concello está en contacto permanente coa Consellería do Medio Rural e cos técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte para coñecer os efectos da xeada e poder articular solucións.
O rexedor trasladará ao Pleno este decreto da alcaldía para dar conta das decisións tomadas na mañá de hoxe.
|
|
|
|
|
|