David Cal, o deportista galego máis loureado, foi o encargado de pregoar a XXXIII Feira do Viño de Amandi organizada polo Concello de Sober, onde dixo que agarda que nas próximas olimpíadas de Brasil “poida ter un Mencía de Amandi co que brindar para ofrecerlle a España e a Galicia outra medalla de ouro”.
O piragüista natural de Cangas explicou que as augas dos Canós do Sil serían “un excelente escenario de impoñente beleza” no que disputar as probas nas que vai participar. “Quizais o tesón e a insistencia do voso alcalde favoreza que se contemple esta posibilidade”, esgrimiu. Animou aos visitantes á feira a que disfruten do viño de Amandi “con moderación”, así como do deporte, inculcándolle aos pequenos o espírito olímpico “pois é a mellor herdanza que se pode recibir”, aduciu.
No seu discurso fíxolle un recoñecemento especial aos adegueiros. “Seguide a elaborar os viños como sempre fixestes e vendédeos no mundo levando o nome da Ribeira Sacra alá onde haxa unha boa mesa para compartir un bo xantar. Estaredes levando a Galicia e a España a unha posición mellor”, destacou o pregoeiro.
Muiñeira de Gundivós
O padexeiro foi o encargado de pregoar a Feira do Viño de Amandi deste ano, no que tamén se deu a coñecer a Muiñeira de Gundivós, interpretada pola Banda de Música de Sober, e se homenaxeou aos mozos e mozas nacidos hai 33 anos no municipio. No acto tamén estivo presente a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entre outras autoridades, así como a Corporación de Pantón, invitada de honra deste ano.
“O mellor viño de mundo”
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, aproveitou a súa intervención para convidar a todos e todas a etapa da Vuelta Ciclista a España que sairá da localidade o 28 de agosto, un feito que agradeceu á Axencia Galega para o Turismo da Xunta de Galicia.
Fernández Guitián dixo que “se o paraíso existe, está aquí en Sober”, polo que agradeceu aos presentes por achegarse á capitalidade do paraíso e á Festa de exaltación do seu néctar predilecto, “o mellor viño do mundo, o viño de Amandi.
Premiados na cata
Por último, o Concello de Sober entregou os premios da cata que este ano recaeron nas adegas Guímaro, Viña Cazoga e As Muras.
