O Concello de Sober aprobou pola unanimidade dos grupos iniciar o expediente para a cesión ao Sergas do Centro de Saúde da localidade. O municipio acóllese así a un convenio asinado entre a Fegamp e o Sergas mediante o cal preto de 25 centros de saúde con competencias de mantemento municipal pasan a depender do organismo autonómico cada ano.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, asinou o convenio coa Consellería de Sanidade en xullo do ano 2011. O rexedor explica que agora “continuase co proceso”, tras levar a cabo os correspondentes trámites de notaría e rexistro da propiedade.
Na actualidade o Concello de Sober asume os gastos do persoal de limpeza, luz, auga, calefacción (gasóleo e mantemento das caldeiras), revisión de extintores, seguro do edificio, e o mantemento xeral de avarías (cristais, pintura, carpintería, fontanería, etc.). Unha vez cedido o Centro de Saúde ao Sergas o Concello deixará de asumir todos estes custos, cuxo importe oscila entre os 15.000 e os 20.000 euros anuais.
Fernández Guitián explica que “en ningún caso” ten que ver cos servizos, senón que se trata dunha competencia municipal das denominadas impropias, de maneira que coa cesión o Concello de Sober deixará de asumir os gastos de funcionamento do Centro de Saúde.
Recollida do lixo
No Pleno celebrado o pasado mércores tamén se acordou pola unanimidade dos grupos iniciar a xestión indirecta do servizo de recollida de lixo. A xubilación do conductor do camión fai que actualmente o servizo non conte con persoal municipal fixo que desenvolva o traballo, polo que o Goberno local, co apoio dos demais grupos con representación municipal, estimou que para abaratar os custos e mellorar o servizo convén sacar a concurso a xestión indirecta.
“Fixemos un estudo das necesidades e queremos mellorar o servizo sen gastar máis e o que fai a maioría é a xestión indirecta a través dunha empresa. Imos facer un concurso público e aberto e as intencións que temos son as de mellorar a prestación”, explica o rexedor.
O Concello de Sober ten elaborado un estudo coas necesidades do municipio no que se recollen os seguintes aspectos:
– Facer campañas de sensibilizacion cara a reciclaxe.
– Duplicar nos 4 meses de verán as frecuencias de recollida.
– Ampliar o número de colectores amarelos (pasar de 32 actuais a 45), recollendo tamén con maior frecuencia o colector amarelo.
– Multiplicar por 3 o número de colectores de papel (pasando de 10 a 30).
– Levar a cabo unha recollida mensual de enseres a domicilio
– Facer periodicamente unha recollida de vertedoiros incontrolados.
– Lavar periodicamente os colectores de RSU e Amarelos.
– Encargarlle á mesma empresa a xestión do punto limpo.
