COMEZAN AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DA TRAVESÍA DE BELÁN

  • Home
  • Novas
  • COMEZAN AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DA TRAVESÍA DE BELÁN

O Concello de Sober e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colaboran nas obras de urbanización da travesía de Belán no centro urbano da localidade que deron comezo esta mesma semana. Esta colaboración implica un investimento de case 60.000 euros e forma parte dunha das principais liñas de acción da Consellería, como é a posta en valor do Plan Hurbe en colaboración coas entidades locais.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explicou que se trata dunha actuación “moi demandada polos veciños e moi importante para Sober” que vai permitir rematar cos problemas de tráfico en días de feira ou noutras datas como a Feira do Viño de Amandi ou o próximo día 28 de agosto co paso da Vuelta 2013 pola localidade. O rexedor afirma que a travesía estará en servizo para ese día, aínda que as obras non estean rematadas na súa totalidade.
 
Adaptación ao PXOM
O concello de Sober trasladou á Administración autonómica a necesidade de afrontar unhas obras de humanización desta travesía de acordo coas condicións que se recollen no Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado en abril deste ano. Na actualidade, a vía existente ten unha anchura variable, entre un mínimo de 2,40 metros e un máximo de 5,10 metros, entre os peches das parcelas.
 
O vial que se pretende urbanizar servirá para crear unha circunvalación ó centro urbano de Sober polo noroeste, que permitirá dar unha saída a todo o tráfico procedente dos núcleos Rosende, Anllo, Vilaescura e Millán cara ás estradas de Canabal e Monforte, evitando os atascos e problemas circulatorios que se producen periodicamente.
 
A solución é ensanchar a vía ate conseguir unha calzada de 5,40 metros, para formar dous carrís en ambos sentidos de circulación de 2,70 metros cada un. Desta maneira dáselle unha saída ó tráfico rodado da zona noroeste do núcleo de Sober sen necesidade de pasar polo centro urbano.
 
En definitiva, trátase dunha actuación de mellora de seguridade vial e de recuperación dun espazo público como vial urbano, sen compoñentes de edificabilidade. A súa execución adáptase ás determinacións da normativa urbanística aplicable, contribuíndo a mellorar da calidade de vida dos cidadáns.
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober