O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presidiu a reunión do xurado para elixir o gañador do concurso de ideas que se convocou en base a un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia para a remodelación da Praza do Concello e a súa contorna. O gañador do certame foi Juan Ramón Sánchez Pernas co seu deseño As catro estacións. Sánchez Pernas é de Viveiro e dirixe un equipo de 4 arquitectos.
Amais do alcalde, participaron como xurado a enxeñeira María Luisa Menéndez Miramontes, a xefa de obras da Secretaría Xeral de Urbanismo, Elena Parajó Calvo, o presidente do Colexio de Arquitectos de Lugo, Raúl Veiga, o arquitecto, Juan Creus (elixido polos concursantes), e a secretaria municipal do Goberno local, quen actuou como secretaria.
Os tres finalistas contaron cun mes para presentar un anteproxecto que desenvolvera cada unha das ideas.
Os finalistas foron tres:
– Sombrade Marister Failde Ferreiro e Belinda Besada Vergara.
– Espacio soberino de Jorge García Anta e Fernando Aeiroá Lorenzo e Francisco Javier Barral Fernández.
– As catro estaciónsde Juan Ramón Sánchez Pernas.
Tamén se acordou conceder un accésit a Combínalo como quieras de Luciano González Domínguez.
Busca de axudas públicas
O alcalde, Luis Fernández Guitián, avanza que se reunirá coa secretaria xeral de Urbanismo da Xunta para darlle a coñecer o proxecto e tratar de acadar axudas a medio prazo.
Inicialmente o Concello non destina contía algunha a esta actuación, senón que se irá facendo o investimento en función dos recursos que se consigan da Xunta de Galicia ou doutras administracións.
Unha vez se vaia acadando o orzamento a previsión é a de facer as obras en seis fases.
