O Concello de Sober conta cun novo parque infantil e unha área biosaudable na parroquia de Bolmente. A obra levouse a cabo por iniciativa da Comunidade de Montes coa axuda dos Fondos Leader da Unión Europea e permitiu acondicionar unha área de máis de media hectárea de terreo. O orzamento foi de 49.900 euros e o AGADER concedeu unha subvención a través do GDR Ribeira Sacra de 29.950 euros.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, pon en valor a existencia dunha nova área de recreo “da que poderán gozar todos os veciños e veciñas e que servirá ademais como un espazo natural para o uso dos visitantes ao atoparse a tan só dous quilómetros do Canón do Sil”.
En concreto, a actuación incluíu a recuperación dun terreo inservible que foi axardinado con plantas tapizadas, unha especie que require pouco mantemento e soporta a seca. Tamén se acondicionou unha zona de céspede para destinala ao xogo dos máis pequenos, así como para o desfrute das persoas maiores coa instalación de diferentes máquinas nas que poden realizar ximnasia de mantemento.
A intervención permitiu por a disposición ademais unha zona ampla para o estacionamento de vehículos, atendendo á proximidade da igrexa parroquial, que permita evitar os problemas de aparcamento en días de festa ou cando hai enterros. Por último, plantáronse árbores para dar sombra.
