O CONCELLO DE SOBER APROBARÁ MAÑÁ O II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE HOMES E MULLERES 2013-2017

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER APROBARÁ MAÑÁ O II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE HOMES E MULLERES 2013-2017

O Goberno local do Concello de Sober aprobará no Pleno que se celebra mañá o II Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2013-2017. Tal e como explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, o plan nace da convición de que as políticas de igualdade benefician ao conxunto da poboación e son necesarias para avanzar cara a unha sociedade “que poida denominarse democrática e xusta”.
 
Os principios que rexen o plan son os de transversalidade, realidade, cooperación e sinerxía. O texto foi elaborado en cumprimento da normativa e lexislación internacional, europea, estatal e autonómica. Para a súa avaliación recoméndase levar a cabo enquisas, establecer buzóns de suxestión ou elaborar informes do seu desenvolvemento. O plan poderá consultarse integramente unha vez sexa aprobado na web do Concello de Sober www.concellodesober.com.
 
A Concellaría de Ensino e Políticas de Igualdade será a que marcará as liñas de actuación en materia de igualdade e a que se encargará de que se executen todas as medidas que se decidan levar a cabo, dunha proposta de 60, divididas en 6 áreas de actuación. En concreto, vaise traballar en Sensibilización e Educación; Formación e Emprego. Corresponsabilidade e conciliación; Benestar físico e psicosocial; Lecer, cultura e deporte ; Asociacionismo e participación; e Prevención e eliminación da violencia de xénero.
 
O plan persegue traballar na sensibilización e educación en materia de igualdade de xénero dende as idades máis novas ata as idades máis adultas, para promover un cambio de actitudes, remover os valores e estereotipos que sustentan un clima social tolerante coa desigualdade entre mulleres e homes, así como con calquera acción ou inacción que teña como consecuencia un acto discriminatorio ou violento por razón de sexo, afianzando a toma de conciencia da sociedade sobre a necesidade de traballar na consolidación dun modelo social máis equitativo en xénero.
 
Violencia de xénero
En relación coas demandas por casos de violencia de xénero, segundo os datos proporcionados por SS.SS., as demandas no ano 2012 foron dúas e no actual 2013 xa se rexistraron 3. Por outro lado, na Garda Civil foron presentadas tres denuncias por violencia de xénero no ano 2012 e no 2013, ata novembro, 2. En canto aos ditames de orde de protección, no ano 2012 foron 3, e en 2013, 4. Neste sentido, o plan recolle o desenvolvemento de accións de sensibilización e de concienciación sobre violencia de xénero dirixidas a toda a cidadanía de Sober para fortalecer a prevención e o rexeitamento social.
 
Medidas concretas
Entre as 60 medidas concretas que propón o plan atópase o reforzo das medidas de conciliación da vida profesional, persoal e familiar existentes no Concello; a colocación nas dependencias municipais dun taboleiro informativo en materia de igualdade de xénero e conciliación da vida profesional, persoal e familiar dirixido ao persoal ao servizo da administración municipal así como ao conxunto da poboación; a difusión dos recursos existentes en materia de igualdade de xénero a través das novas tecnoloxías (internet), fomentando para iso o acceso das mulleres á formación; así como a organización de actividades e eventos en horarios e épocas estivais que favorezan a conciliación.
 
O plan recolle de xeito específico a necesidade de promover a formación das mulleres co fin de favorecer a súa incorporación e continuidade no mercado laboral e mellorar as súas oportunidades de emprego.
 
Tamén se contemplan accións encamiñadas a incentivar a práctica do deporte nas mulleres de todas as idades, evitando calquera tipo de discriminación e procurando que existan espazos e horarios axeitados.

Para poder consultar o Plan prema aquí
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober