O CONCELLO DE SOBER RENOVA 15 MARQUESIÑAS DA LOCALIDADE

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER RENOVA 15 MARQUESIÑAS DA LOCALIDADE

O Concello de Sober vén de renovar 15 marquesiñas da localidade, dentro do seu proxecto de mellora e coidado da imaxe da contorna e dotación de servizos á cidadanía. A intención do Goberno local, tal e como explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, “é a de seguir avanzando nestes traballos en diferentes lugares do Concello”.
 
A renovación das estruturas foi executada polos traballadores do módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego que Sober comparte cos Concellos de O Saviñao e Pantón. As marquesiñas foron instaladas tendo en conta criterios como o lugar, o estado da anterior cuberta e os usuarios. Todas elas están adaptadas para cadeiras de rodas.
 
As novas instalacións foron elaboradas con madeira tratada para exteriores e incorporan o nome do lugar, ao estilo dunha estación de ferrocarril ou autobús.
 
Ata o de agora téñense cambiado as marquesiñas de Matamá,  Arxemil e O Toxedo (Anllo San Martiño), A Pena e Vilanova (Gundivós), Doade e Vilachá (Doade), A Pena  (Proendos),  Vilamaior (Refoxo), A Casilla (Neiras), Soutonovo e Igrexa (Anllo Santo Estevo), Barreiros (Santiorxo), e O Pinar (Bolmente). Nos próximos días será colocada a de Telleiros. 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober