O aclamado director de cine José Luis Guerin estará en Sober entre o 28 de xuño e o 3 de xullo para impartir un taller convidado por La Plantación. A actividade formativa desenvolverase na Casa Grande de Rosende e vai contar con asistentes de diferentes países.
Aproveitando a presenza do cineasta na vila, o Concello de Sober organiza, en colaboración con La Plantación, unha xornada de cine de verán gratuíta ao aire libre na Praza do Toural. Así, o 28 de xuño ás 21:30 horas proxectarase nunha pantalla de grandes dimensións o filme ‘Historias del Buen Valle’.
A película céntrase no barrio de Vallbona, na periferia de Barcelona, retratando a vida, os conflitos e a transformación dos seus veciños mentres transitan entre a súa herdanza rural e unha contorna cada vez máis urbana.
O autor da película, galardoada co Premio Especial do Xurado e o XI Premio da Cooperación Española na 73ª edición del Festival de San Sebastián, será un dos espectadores que asistan á Praza do Toural.
La Plantación
La Plantación. Encuentros y Conocimiento é un proxecto cultural feito desde Galicia, onde se cultivan e comparten experiencias ao redor de distintas artes. O método de traballo consiste en propoñer encontros abertos entre un autor e calquera persoa que estea interesada (profesional e non profesional) co obxectivo de reflexionar sobre proxectos e intereses creativos.

Leave a Reply